jueves, 23 de diciembre de 2010

Conversas


Ao fío destes parrafeos, lembrei outras conversas:

-Boas tardes! E logo póñense á sombra?
-Pois si, muller, estamos aquí á sombra e ó fresquiño mentres contamos dous contos. Os vellos, que imos facer?
-Moi ben! Ata logo!
-Ata outro día, muller. E cando pases, fala sempre...

Continuei o meu camiño e axiña escoitei:

-Oes, e quen era esa rapaza que nos falou? -preguntou Inocencio.
-É a máis vella de Ramón do Campo. Os anos pásanche... -respondeu Avelina. Mira, e que foi o que nos dixo?

Inocencio quedara sen vista, estaba totalmente cego dende había tempo. Durante o inverno, pasaba o día ao pé da lareira. Cando chegaba a primavera e ata entrado o outono, saía para fóra. Sentaba nunha cadeira no corredor e, nos días de máis calor, baixaba ata o cuberto da eira. As persoas que pasaban por diante da súa casa sempre lle falaban. Aos veciños máis vellos, recoñecíaos; aos demais, saudábaos sen saber quen eran.

Avelina, unha veciña que vivía enfrente, acercábase a visitalo case todos os días; os dous pasaban horas e horas parrafeando. Avelina, pouco a pouco, fora perdendo o oído, era necesario falarlle moi alto e estar cerca dela, para que puidese escoitar e entender o que lle dicían. Pois aquela era a escena: ela saudaba cun aceno e un sorriso e el contestaba aos camiñantes con agradecidas palabras. Cando a xente marchaba, el repetíalle a ela o que acababa escoitar e ela explicáballe a el de quen se trataba. E así pasaban as tardes.

Avelina quedara viúva o mesmo día no que nacera o seu último fillo. Sempre se lamentaba, pero con resignación:

-Quedei viúva e con oito fillos (situámonos no ano 1936, sen máis comentarios...). Crieinos a todos pasando moitos traballiños... e agora estou aquí soa...

Avelina vestía de loito riguroso de pés a cabeza, tan só se permitía levar un mandil de "alivio". Tiñas que acercarte ben para apreciar as fínísimas raias brancas debuxadas na tea negra. Por debaixo do pano da cabeza, tamén negro indiscutiblemente naqueles tempos, asomaban os cabelos brancos e uns zarcillos de ouro en forma de aro que lle regalara unha filla que vivía en Italia. Nun dos petos do seu mandil, sempre levaba algúns carameliños, ou noces, ou castañas, ou cereixas, ou galletas, ou melindres... Como lle gustaba dar larpeiradas aos rapaces!

-Toma, rapaza -e sorría... (Os seus netos, tamén vivían lonxe).
-Gracias!!
-Que sexa por moitas veces!

Nos últimos anos da súa vida, ía pasar os meses de inverno cunha filla que vivía en Valencia; alí, desfrutaba do soliño e da compaña da súa familia. Á volta, traíanos laranxas e unha chea de historias que contar! A ela non lle gustaba nada o ambiente da cidade nin a xente que alí vivía. Como tamén acostumaba visitar á miña avoa, tiven o pracer de escoitar os seus relatos en incontables ocasións. Poderíamos imaxinala semellante á avoa Herminia de Cuéntame;-) "Eu non lles falo castellano, caa!! Se me queren entender, que me entendan..."-dicía, re-cal-can-do cada palabra!
Avelina era todo agarimo! Viviu máis de noventa anos.
Inocencio, era apacible e comprensivo. El viviu ata os cento un!


Onte, durante unha "reunión de traballo", un compañeiro comentounos acerca dunha visita realizada cuns alumnos a unha residencia xeriátrica da zona. X. C. afirmaba que a experiencia fora moi interesante. Os anciáns explicaban como vivían cando eran máis novos e emocionábanse ante a visita dos estudantes. Eles, entre outros comentarios, seica dicían que lles estrañaba que tantos vellos estivesen nunha Residencia...

Chega o Nadal e, para min, é tempo de recordar os soños dos nenos e as conversas dos avós. E pouco máis.

Achégovos un vídeo que descubrín hai tempo.
Lévoo escoitado tantas veces!

Eran outros tempos...

10 comentarios:

Xosé dijo...

Aura, non sei como fas para sacar sempre petróleo da sinxeleza!
Vouche dicir o mesmo que me di a min o Lenin -o camareiro de Lestedo- cando me pon o meu cafeciño: "Sobran as palabras".
[PS/Non sei se sabes que xa hai unha boa tempada que podo volver tomar café]

Chousa da Alcandra dijo...

A xenial complementariedade entre a vista de Avelina e mailo bo oido de Inocencio son un clarísimo exemplo de que a individualidade case sempre coxea.

Bicos do día da saúde!

Harmonía dijo...

Grazas, Xosé, polas túas palabras, que nunca sobran.
[Siii, xa sei que volves tomar café; pero non abuses! E eu que levo tempo querendo deixalo...]

Si, Chousa, un exemplo de auténtica co-laboración!!!

Bicoss navideñoss.

neves dijo...

"Tecidos" e "Conversas", conversas e tecidos.
Parémonos nesta última fase de vida, na raíz. Vanse, ímonos.
Nese patio, desde ese balcón...
[Sinto pena]

Á filla máis vella do Ramón do Campo!!

Harmonía dijo...

Aqueles tecidos e estas conversas, proceden do mesmo LUGAR. E ti ben o sabes, querida Neves!
Direiche que a min apórtanme ledicia, mira ti...
Un bico.

Paz Zeltia dijo...

pregúntome quen lle contaría a Inocencio a vida darredor despois de morrer Avelina.
[o seu mundo debeu quedar moito máis escuro]

As palabras non sei se sobrarán ás veces, pero dende logo a min agora fáltanme para expresar o que a historia que contaches me transmite.
Co apoio do vídeo, [que non me estraña que o mires varias veces], cobra máis intensidade...
E que é unha historia que permite que cada un de nós a adapte, a reescriba para sí.

Que pases unha feliz Noiteboa, Aura. Unha aperta.

Paz Zeltia dijo...

Non che dixen nada da foto, que nada máis vela me pareceu moi suxerente, coa ventá no fondo, con esa luz... e o balcón coas begonias e o cactus de nadal (o meu está agora todo frorido. é unha herdanza dun que trouxera miña nai hai moitos anos, unha póliña...)

Anónimo dijo...

Boas festas Isa !!!
Bicos.O

Harmonía dijo...

(Nestes días, andiven un pouco perezosa para contestar...)
zeltia, captaches moi ben a idea, o meu obxectivo (sempre o consigues): "unha historia que permite que cada un de nós a adapte, a reescriba para sí."
...non che sabía eu que tiña un cactus de Nadal na casa dos meus avós... Mira que es observadora!Debe ser que é unha zona un pouco fría e o noso cactus brota alá polo mes de marzo, de cara a primavera. Eu tamén trouxen unha póliña para a miña casa, pero polo momento, non ten traza de querer florear.
A foto dese corredor, levaba moito tempo gardadiña no cartafol de imaxes e non se atrevía a saír; chegoulle o seu momento!

Harmonía dijo...

Boas festas a todos/as!
Tamén para ti, O.