viernes, 1 de agosto de 2008

A Ría



Levaba dous días pasando por Raxó (Poio) máis ou menos á mesma hora, ás nove da mañá (as sete hora solar, creo). Ao terceiro, decidinme a parar no mirador que hai ao lado da estrada, para observar aquel espectáculo marabilloso; a luz, reflexada na auga, era unha mestura de cores: brancas, grises, azuis, pratas e douradas. Por suposto, non puiden resistir a tentación de sacar unhas cantas fotos ao leste e ao oeste. Quería atrapar aquel momento. Mentras tanto, os coches seguían pasando. Seguro que máis dun condutor/a pensou: "aí está outra turista coa cámara a voltas..." Equivocábanse. En todo caso, unha excursionista á que lle gusta deterse, sempre que pode, e desfrutar da natureza.
Despois duns días, xa de volta na casa, descarguei as fotos. Tiña a ilusión de ver aquela imaxe de luz e cores. Que mágoa, nin punto de comparación! Aquí está o resultado (a primeira foto). Claro que, sempre queda o recurso de botarlle a culpa á cámara ( por non dicir á fotógrafa); non serve de nada, pero consola un pouco. Conclusión: tanto o nacemento como a posta do sol, é moito mellor vivilos en directo.

2 comentarios:

Anónimo dijo...

E as vistas de Combarro?
Saúdos.

Anónimo dijo...

Non puiden ir por alí esta vez, será noutra ocasión. É un lugar que me gusta moito, por iso puxen o enlace.
Apertas, Bea.