martes, 2 de marzo de 2010

As cañotas


Cortas unha árbore. Co tronco podes frabricar unha porta, unha ventá, un banco, un moble xeitoso ou unha fermosa peza de decoración. As pólas, aprovéitanse para facer leña que despois se queima nos fogares e axuda a pasar as frías tardes do inverno. Quedan as cañotas (non atopei o termo equivalente no DRAG), a parte constituída polas raíces e o comezo do talo. Os madeireiros non as queren porque non lles serven para nada e o dono vese obrigado a pedir axuda a alguén que llas leve do eido, ou ben as amorea nun recanto para que non lle estorben. Se queres queimalas, ten que pasar tempo para que sequen. A solución máis habitual é esperar a que elas soas vaian podrecendo pouco a pouco.
Pensar que foron esas raíces as que sustentaron aquela árbore durante os anos da súa vida, ás veces ata máis de cen. Pero agora, como xa non son útiles, son despreciadas. E a min que me dá por reparar nelas… A algunha das que aparece nas imaxes, ata lle poría un marco. Para min, si que teñen beleza as cañotas!



Cando envellecemos, a beleza convírtese nunha calidade interior.
Ralph Waldo Emerson

Na xuventude aprendemos, na vellez entendemos.
Marie von Ebner Eschenbach

Un home non envellece cando se lle enruga a pel senón cando se enrugan os seus soños e as súas esperanzas.
Anónimo

Os primeiros corenta anos de vida dannos o texto; os trinta seguintes, o comentario.
A. Schopenhauer

Unha fermosa ancianidade é, ordinariamente a recompensa dunha fermosa vida.
Pitágoras


12 comentarios:

neves dijo...

Pensamento fundamental e importante asociación,Isabel! Nós agora, desde o chanzo no que andamos, percibimos o valor da orixe.
E volve todo ao seu branco e negro...

Xosé dijo...

Onde eu son chamámoslle cañotos aos pés de millo, das coles ou similares. Se os restos son de árbores, empregamos máis ben a palabra cu: un cu de pino, un cu de carballo...
A palabra cañoto non aparece na versión electrónica do DRAG, pero si na do VOLGA (http://www.realacademiagalega.org/volga/index.jsp).

Anónimo dijo...

non confundamos co "cu" de palla, ha, ha, saiume así....

Anónimo dijo...

non confundamos co "cu" de palla,
ha, ha, saime así.

Esp. dijo...

Espido volve a pedir desculpas.

Xosé dijo...

Din que quen tén o cu de palla lle tén medo ás chispas...

Chousa da Alcandra dijo...

Ti es unha poeta!
Nestes últimos post estás dándome tanto no pericardio, que mo vas furar...

E por abondar na frase de Schopenhauer, pídeme o corpo preguntar se os vite seguintes dan a música...

(E perdóalle a Espido, raio!)

Anónimo dijo...

AURIÑA QUE FOTOGRAFIACHES??

Anónimo dijo...

Eu tamén digo cus, coma Xosé. E o home de miña irmá fai obras de arte con eles ou elas, esplícome: el lavas , perfilas, dalle protectores, logo barnizas e fan uns adornos moi fermosos.

Bicos. O

Bea dijo...

Hay cuatro cosas viejas que son buenas: viejos amigos para conversar, leña vieja para calentarse, viejos vinos para beber y viejos libros para leer. (Émile A.Faguet)

Bicos.

Anónimo dijo...

Por seguir o fío de Bea:"Todo o mundo quere chegar a vello, pero ninguén quere serlo". Martin Held

Aura dijo...

Non imaxinaba que as miñas cañotas ían espertar tal interés...

Nunca oíra falar do "cu de carballo", Que riqueza de vocabulario temos! Grazas polas interesantes aportacións léxicas.

E interesante tamén a idea de tratar e vernizar as cañotas, ou cus; se puidésemos localizar ao cuñado de O para que nos fixese unha mostra...

Perdoar a Espido? E que falta cometeu??

Nas próximas entradas, non traerei árbores, ou polo menos non serán carballos; non quero cansar nin lastimar aos amantes dos "Quercus robur"...

Con respecto ao paso do tempo e o concepto de beleza, Neves, cada un opina segun a perspectiva do chanzo no que anda, non si?

Apertas virtuais.