viernes, 18 de febrero de 2011

Saltos e murmurios


Hai uns días suxerístesme que puxese voz a un poema…
Polo momento, achégovos a voz (ou o murmurio) do Asneiro.



Espero que vos guste o recital!


A Fala
...
O idioma é a chave
coa que abrimos o mundo:
o salouco máis feble,
o pesar máis profundo.


O idioma é a vida,
o coitelo da dor,
o murmurio do vento,
a palabra de amor.


O idioma é o tempo,
é a voz dos avós
é ese breve ronsel
que deixaremos nós.


O idioma é un herdo,
patrimonio do pobo,
maxicamente vello,
eternamente novo.

...
O idioma é a patria,
a esencia máis nosa,
a creación común
meirande e poderosa.


O idioma é a forza
que nos xungue e sostén,
¡se perdemos a fala
non seremos ninguén!


O idioma é o amor,
o latexo, a verdade,
a fonte da que agroma
o máis forte irmandade.


Renunciar ao idioma
é ser mudo e morrer.
¡Precisamos a lingua
se queremos vencer!

Manuel María.
………

6 comentarios:

neves dijo...

Si, estas aguas que nos falan; refrescante!

Anónimo dijo...

Miles de murmurios !!!!!!
Que gusto ver como vai de acelerado o Asneiro, e conforme dá os saltos, canta aquelo de: vente que te levo. [ mellor que sexan solo os pesamentos... que esa auguiña semella estar moi fría; coma o tempo ].
Seguirte a ti é un gustazo, sigue !!
aperta, O.

Paz Zeltia dijo...

pois que forza leva o río! vai brincadeiro e seguro de sí, salvando obstáculos, decidido.

ogallá foramos nós tamén así, na nosa vida persoal.
E tamén como galegos.
O poema de Manoel Antonio enche a un de ánimo e enerxía para pormos orghullosos do ghalegho, non si?

Chousa da Alcandra dijo...

Con esas imaxes fresquiñas, coas verbas que escolleches tan ben aliñadas e coa música de Susana mollada nas augas do Ulla..., con tales ingredientes imposible non acadar unha boa fornada!

Bicos bailaríns

Anónimo dijo...

precioso poema, preciosas fotos e precioso blog

Chousa da Alcandra dijo...

Mira ti por onde, o SXPL (tamén chamado "El Obediente Lorenzo") veu beber ó Asneiro e tomou prestadas as palabras de Manuel María. Deixáronlle a pizarra en La Coz

Nada que ver co murmurio do Asneiro; que -dito sexa de paso- por moi ben que "cante", non suplanta á túa voz nun poema en Harmonía...