sábado, 12 de febrero de 2011

Os erros do pasado


If I die before I Wake…
O pasado apodrece baixo terra
e o presente non flúe,
é un río morto.
...

Pero esta vez non haberá resurrección
e o futuro é por forza alleo a min.

...
Lois Pereiro. Poesía última de amor e enfermidade.
..


Os erros na vida cometidos a contrafío
leváronme a perder unha vez máis
definitivamente e sen pensar
todo o que tiña dado por perdido.


Metástase invasiva ou obsesión
daquel amor tal vez mal entendido
non foi a cobardía ou o egoísmo
o móbil que alentou a miña idea
de convocar en min este desastre
que derruíu comigo o mal causado.


E intento demorar o erro definitivo
nun lento naufraxio
xa vivido
porque esta fatigada ruína namorada
prepárase a sufrir outros distintos
asumindo a caída xa pactada
precipitándose neses inofensivos erros desexados
obviando o remuíño que me leva
nas espirais da nada.

..Lois Pereiro. Poesía última de amor e enfermidade.



[A casa leva pechada arredor de vinte anos. As imaxes trouxeron á miña memoria o recordo da tía Manuela. Cando xa estaba moi velliña, non paraba de repetir: “A pena máis grande que teño é saber que pronto me vou ir e teño que deixar aquí ao meu fillo Pedro sufrindo, que será del cando eu non estea?”
A tía Manuela tivera seis fillos e Pedro era o maior. Contan que nos primeiros anos da súa xuventude estivera namorado dunha moza moi fermosa dunha parroquia cercana; a relación durou varios anos pero “como os pais del non lla querían tiveron que deixarse.” Ela marchou para o País Vasco, “alá formou unha familia e seica non lle foi mal…” El, ao cabo dun tempo, casou cunha moza veciña da porta moito máis nova ca el, cunha boa herdanza e, por suposto, “que lle enchía o ollo aos seus pais…” Nunca chegaron a vivir xuntos porque “había que atender os bens de cada familia e ningún dos dous podía deixar aos seus”.
Tamén contan que “Pedro nunca foi feliz, que non foi capaz de esquecer…”. Co paso do tempo caeu enfermo “sen saber polo que…, o pobre afogaba as súas penas como podía”. Case non se alimentaba, falaba pouco e, a pesar de que sempre sorría, sufría. Sufriu en silencio ata que o tempo o foi consumindo.]

4 comentarios:

Xosé dijo...

Entre o que contas, as imaxes que pos, a marabilla de Lois Pereiro, que pasa da unha e media da madrugada... O caso, Aura, é que me remove moito a túa marabillosa achega de hoxe. Grazas por seguir compartindo.

neves dijo...

SU PE RÁN DO TE
Aquí detémonos na primeira, que é a que nos garda máis "LUZ".
O resto... ...

Chousa da Alcandra dijo...

Mentras enchemos de bágoas o presente polos erros do pasado, non haberá maneira de evitar que cheguemos en canoa ata o futuro...

(Recreeime nas fotos desa casa con tan boas vigas).

Bicos de Antas

Paz Zeltia dijo...

Unha entrada fermosa, para demorarse nela, reflexionando nos textos, recreándose nas fotografías [esa serie entre reixas, celosías, varandas e pechaduras]

[só un pequeno apunte:
o único que depara un futuro por forza alleo para tí [para todos]
é a morte.
todos os outros erros habidos e por haber conforman a vida [queres vivir?, pois logho! -a elo-]