domingo, 6 de febrero de 2011

Individualidade


Miguel quedou viúvo hai uns catro meses.
-É moi triste o que me pasou.
-Entendo.
-Mira, ultimamente todos me dan consellos.
-Xa, imaxino. Seguramente actúan coa mellor intención.
-Que se era preferible que me mudase da casa a un piso pequeno porque así me sentiría menos só… Deixar a miña casa, o meu xardín, os meus canciños, todo o que me recorda a ela para ir vivir a un apartamento ao centro da vila?
Que debería ir vivir con algún familiar para que me faga compañía…
Que debería xubilarme e desfrutar da vida…(??)
Que me axudaría moito ir de vez en cando pola igrexa… (!!)
-Bueno, iso… depende, según o criterio de cada quen…
-E así todos, día tras día, os que me visitan, os que me chaman por teléfono, os que me atopan pola rúa… Sei que o fan por ben, porque cren que me axudan. Claro, eles aconséllanme o que eles farían no meu caso pero eu son eu. E eu só quero seguir vivindo cos meus recordos, que son os seus recordos. Sabes? Ás veces… chámoa… e fáloche con ela… e síntome tan reconfortado… (Miguel, mentres confesa o seu segredo, sorrí con tenrura… coma un cativo).
-Pois terás que ir facendo o que a ti che axude a sentirte ben, a gusto contigo mesmo; non che sei dicir máis. Que te coides, a ela gustaríalle verte animado…
-Gracias, muller, moitas gracias!! Agradézoche que me escoites e que me comprendas. De consellos xa estou ben servido!
[Pouco pide Miguel: que o escoiten.]

Quizais o segredo para conseguir vivir en paz cun mesmo e cos demais, radique na capacidade de comprender a cada persoa respectando a súa individualidade.

4 comentarios:

Xosé dijo...

O teu Miguel, o noso Miguel... [Por certo, por que decidiches chamarlle Miguel?]
Imaxino que todo mundo o estará machacando a base de bos consellos, pero é el quen ten que debuxar o seu camiño.
Unha entrada moi tenra, Aura.

Harmonía dijo...

Dende o pasado mércores que por casualidade mantivemos unha entrañable conversa, veño cavilando na idea desta entrada. Procurei que a transcrición fose o máis fiel posible. Emocionoume non só escoitar as súas palabras, senón tamén observar o tono de voz, as pausas, a expresión da súa cara, os sorrisos de tristeza contida, os xestos de resignación...
[Por certo, e ti por que fas preguntas innecesarias? Ha,ha!]
Como non se me ocurriría a min o de "debuxar o seu camiño"?, que fermoso!! Bueno, creo que llo dixen dalgunha maneira. Penso que o noso M. xa escolleu esa vía e iralle ben.

Chousa da Alcandra dijo...

Os consellos, din por estes lares, son bós para quen os da...

Eu tamén faría esa foto, de poñerseme a tiro. E, por supostísimo, tamén escollería esa música.

Bicos de Antas

Paz Zeltia dijo...

Precísase un tempo para a dor. Ten que rezumar.
A min tamén me confortaría falar co amor ausente, se me morrera.
Quen sabe, tal vez cando o recendo a dor se fixese insoportable tivese que abrir ventás, saír fóra de min mesma e perderme entre os outros.

Da moita ternura ese diálogo [ía dicir "escoitar", porque case o escoito].

A foto, linda.