miércoles, 8 de abril de 2009

Un ano

Este espazo virtual xa cumpriu un ano. Nos seus comenzos, era unha porta que se abría timidamente. A Harmonía dáballe un pouco de vertixe asomarse ao exterior. Naquela primeira foto aparecía un río cunha pequena fervenza, algunhas árbores e rochas vivas: uns dos elementos da natureza dos que eu máis gozo e os que me gusta compartir con vós.

Pouco a pouco, ela pasou a ser eu; e as imaxes fóronse acercando ao meu contorno, coma esta. Unha vella porta na casa onde pasei a maior parte da miña infancia. Por ela saïamos á eira; como estaba orientada ao sur, sempre había moita luz e polo mediodía o sol quentaba ben. Estábase tan a gustiño!
Uns dos recordos máis fermosos que conservo: cada primavera, as prantas do xardín brotaban con forza e, de novo, reverdecían. Os días longos e o bo tempo permitíannos desfrutar máis horas fóra, tamén era síntoma de que as vacacións de verán se aproximaban: xogos, brincadeiras, conversas, gargalladas...

Falando de renacer e reverdecer, lembrei este fermosísimo vídeo: cada imaxe provoca que se nos encolla o corazón por tanta tristura e incapacidade. Pero as folliñas que comenzan a agromar, ábrennos unha porta á esperanza, á recuperación da cordura, do amor e... da beleza. Ademais, coa voz de Llach como acompañamento ou fondo musical, fai que nos emocione. Eu diría máis, que nos conmova. Grazas a Falabarato.

Nestes doce meses esta miña-vosa casa foi acollendo con agarimo e entusiasmo as vosas visitas e comentarios, que sempre son motivos de ledicia. Os vosos aloumiños son os que me animan a continuar nesta andaina. A finalidade segue a ser a mesma que hai un ano: partindo dalgunha imaxe, intentar amosarvos e compartir a miña maneira de mirar, escoitar, sentir... e soñar, en sintonía coa natureza.

Xa que estamos de aniversario e reflexionando sobre o paso do tempo, déixovos un pequeno avance dunha película que vin hai unhas semanas. Trátase da extraña historia dun home que naceu con oitenta anos e vai cumprindo cara atrás. Curioso caso...

7 comentarios:

Bea dijo...

¿Dobre aniversario?Se non entendo mal.¡Que casualidade!¡Felicidades múltiples!
Unha aperta.

Anónimo dijo...

Parabéns polo blog! E a por outro ano.
Saúdos.

Aura dijo...

Acertaches, Bea.

Grazas e saúdos.

Carmen dijo...

Parabéns, Isa! Espero que nos sigas sorprendendo coas túas fotos e as túas palabras; os poemas sempre ben escollidos e a música apropiada.
Que Aura e Harmonía cumpren o mesmo día? Mira que é coincidencia!
Dentro dun aniño, xa poderás ampliar esa foto da porta, ou non?
Agarimosas apertas.

Alex Ghalpon dijo...

Parabéns, Aura! E parabéns por ese primeiro ano das túas miradas abertas para que gozemos todos nós.

Mándoche de agasallo palabras de Rosalía:

...nacín cando as prantas nacen,
no mes das flores nacín.
nunha alborada mainiña,
nunha alborada de abril…

neves dijo...

Para ti quero NOVA ANDAINA CHEA DE MOMENTOS DE LEDICIA.-

Aura dijo...

Grazas por tan agarimosas palabras, Alex. O primeiro poema que subín ao blog foi, precisamente, un de Rosalía: "Dicen que no hablan las plantas, ni las fuentes..."

Neves, ben sei que ti tamén naciches no mes das flores, aínda que non digas nada...

Bicos virtuais.