martes, 11 de noviembre de 2008

Ao quentiño


Outono. Novembro. Días de chuvia. Tempo de quedar na casa ao quentiño. Que gusto! O pasado domingo, mentras facía estas fotos, recordaba a lareira que hai anos ocupaba a actual cheminea. A miña avoa gustáballe estar alí porque dicía que na “cociña nova” non entraba en calor, que lle enfriaban as costas. Lembro as reunións polas noites arredor do lume: as brasas, as castañas asadas, os tizóns, os contos… A miña avoa encantáballe contarnos historias e lendas que nós escoitabamos con moita atención. Sempre lle pediamos que as repetira; ela, desculpábase dicindo que era tarde ou que estaba cansa. Gustáballe que lle rogaran, nós ben sabiamos que desfrutaba narrando os contos unha e outra vez. Se estaba de moi bo humor, incluso nos cantaba ou recitaba algunha cantiga de cando fora moza. Brillábanlle os ollos e poñíase tan contenta!
Lembrei tamén o olor a roupa quentiña: ela sempre se encargaba de pasar as toallas e os pixamas polas chamas antes de tomar o baño, “para sacarlles o frío” –dicía.
Onte pola noite, mentras vía as fotos, pensaba no enlace para este post. Barallando varias posibilidades, decidín traer un fragmento de Cartas de inverno. Esta é a obra que están a ler os meus alumnos e, estalles gustando! (Causoume sorpresa porque até agora non eran moi aficionados á lectura…). Ler as intrigantes cartas ao pé do lume, sería unha boa opción para unha fermosa tarde de outono.


Querido Xabier:
Esta vai ser unha carta breve, xa empezo a estar amolado por non ter noticias túas. Pero hoxe tiña que escribirche, aínda que só sexa para dicirche que dende esta data tes un cuarto á túa disposición para cando queiras vir. Esta noite durmín na miña nova vivenda por primeira vez. Puiden terme mudado hai xa uns días, pero preferín non entrar ata que non estivese todo completamente arranxado. [...]
Así que aquí me tes completamente illado, como eu quería. O ceo, as montañas, o mar aló ao lonxe, na liña do horizonte. Algunhas casas espalladas por aquí e acolá, pero o suficientemente afastadas como para sentir a presenza da soidade. E esta luz, sobre todo esta luz, invernal e clara a un tempo, tan diferente da do ceo de Berlín. Que máis podo pedir, amigo Xabier? Claro que o meu illamento ten trampa, que para iso estamos na aldea global, cun pé no século XXI. Mandei instalar fax e teléfono, ademais de poñer unha antena parabólica que me permite ver todas as canles de televisión ás que estou afeito. [...]
Sabes o que che digo, querido Xabier? Pois que quizais sexa verdade que as pantasmas entraban no lote, xunto coa casa e todo o que contiña. Se eu non fose unha persoa culta, unha persoa que percorreu medio mundo e xa escoitou todas as historias, pensaría agora que os paisanos tiñan algo de razón no que contaban e que, efectivamente, a vivenda que merquei ben merece o cualificativo de enmeigada.
E non o digo porque non me encontre a gusto nela; ao contrario estou encantado e xa comecei a traballar con intensidade. Pero estes días están a ocorrer algúns feitos para os que só atopo dúas explicacións: ou a casa está verdadeiramente enmeigada ou alguén me quere tomar o pelo aproveitando toda esta leria das supersticións. E como eu en pantasmas non creo, está claro cal é a opción que queda. [...]
Agustín Fernández Paz. Cartas de inverno.


7 comentarios:

neves dijo...

Linda imaxe, lindas lembranzas!
Sigan os parabéns tamén para o noso Agustín, que tanto achega as letras aos rapaces/as.

Anónimo dijo...

Cantos recordos! E esas chamas, unha imaxe de outono moi acolledora. Con ese cesto de leña de carballo terías lume para toda a tarde e ata che daría tempo de ler todo o libro, ¿ou non?

Anónimo dijo...

Acolledora, si. Coido que esa é a palabra exacta para definir esta época do ano.
Si, Neves, novembro sempre me fai mirar ao pasado, aos tempos da nenez. E sempre intento rescatar os recordos máis lindos; é saudable.
Apertas.

Anónimo dijo...

¿Y quién dijo que el otoño era aburrido?
Me gusta este blog y tu forma de mirar.
Saludos.

Anónimo dijo...

Miña dona, se coñezo alguén que pode facer que esa pandilla de adolescentes que tes por alumnos acaben aficionándose á lectura, sen dúbida es ti. Non saben da sorte que teñen!!!

Anónimo dijo...

Boa pregunta. Temos o malo costume de facer comparacións continuamente. Pasamos dos longos días de verán e con moita luz ás grises tardes do outono. Supoño que depende da actitude que se adoite para saber adaptarse, ou ao mellor é cousa do corazón de cada un. Hai moita xente que se queixa no outono pola chuvia, no inverno polo frío, na primavera porque non vai calor suficiente para ir á praia e no verán porque apreta o calor ou porque chove durante o fin de semana. Sería máis doado intentar respectar o ciclo da natureza aproveitando e desfrutando de cada estación, de cada día, de cada momento. Habería máis alegría.
Saúdos.

Anónimo dijo...

Moitas grazas, Falabarato, por confiar en min. Ti o dixeches: son adolescentes e xa sabemos que é unha idade moi difícil..., ou iso é o que defenden sempre os pais. Sexamos comprensivos, pois. Non sei se chegarán a aficionarse a ler, pero polo menos, ás tardes dos luns sacámoslles bastante proveito e pasámolo ben. E eu, xa me dou por satisfeita, faltaría máis!
Unha aperta.