Xosé Neira Vilas naceu en Gres
Eu son Balbino. Un rapaz da aldea. Coma quen di, un ninguén. E ademais, pobre. Porque da aldea tamén é Manolito, e non hai quen lle tusa, a pesares do que lle aconteceu por causa miña.
No vrao ando descalzo. O pó dos camiños faime alancar. Magóanme as areas e nunca falta algunha brocha pra espetárseme non pés. Érgome con noite pecha, ás dúas ou tres da mañán, pra ir co gando, restrevar ou xuntar monllos. Cando amañece xa me doi o lombo e as pernas. Pero o día comenza. Sede, sol, moxardos.
No inverno, frío. Ganas de estar arreo ó pé do lume. Muíños apeados. Faladurías de neves e de lobos. Os brazos son como espeteiras pra colgar farrapos. Murnas, fridas, dedos sin tentos.
¡Que saben desto os nenos da vila!
Eles iñoran o que eu penso mentras boto ó corpo un gurruncho de caldo con broa, ou que sinto cando estou no monte pingando, aterecido, vendo por entre a chuvia un pantasma bretemoso en cada árbore.
A aldea é unha mestura de lama e fume, onde os cás oubean e a xente morre "cando está de deus", como di a madriña. Os rapaces somos trites. Enredamos, corremos tras dos foguetes e hastra rimos, pero somos trites. Temos a pobreza e os trafegos da terra aniñados nos ollos.
Eu quixera andar mundo. Ir por mares e terras que non conozo. Nacín e crieime na aldea pero agora síntoa pequena, estreita. Como se vivise nun cortizo. Teño pensamentos que non lle podo contar a ninguén. Algúns non me entenderían e outros chamaríanme tolo. Por eso escribo. E despois durmo coma unha pedra. Quedo desatafegado, libre, coma se me quitasen de enriba un bocoi. ¡Cousas miñas! E tamén de Smith, o capitán que estivo na guerra e cando voltou pra casa púxose a escrebir todo o que lle acontecera. Así está nun libro que me trouxo o Landeiro.
¡Se eu fixese un libro! Nin falar. Ogallá que non me atopen o caderno. Daríame vergoña. E non é pra menos. Porque nel deborco todo o que sinto. Moi pouca xente o fai. Todos abren o peteiro pra dúas cousas; pra dicir a verdade ou pra arredarse dela.
Xosé Neira Vilas. Memorias dun neno labrego (fragmento).
7 comentarios:
De volta, os teus ollos tráennos a nosa Pontevedra; máis cerca, aquel neno de aldea que hai tantos anos o meu destino non me deixou ser,...
A RECORDAR!
Añoranzas? Espero que non.
Apertas.
Non esquezas que o día 31 festéxase o San Ramón en Gres. Eu levo anos sen ir, pero teño moi bos recordos desa festa.
Parabéns polo blog. Convertíchesme nun adicto!
Xa tiña oído falar desa festa, aínda que nunca fun. O San Ramón tamén é o santo de meu pai, polo tanto, festexarémolo en terras do Deza.
Alégrame que sigas e che guste o blog. Pensei en pór o enlace dun vídeo que se titula "As Insuas de Gres", sóache? Era o complemento perfecto para este entrada (mellor dito a lustración perfecta). Mais, pareceume un abuso.
Unha aperta, Falabarato.
ilustración (quixen dicir)
Meniña, podes utilizar calquera dos meus vídeos segundo a túa vontade. Faltaría máis!
Ciberbicos.
Gracias. Tomo nota.
Publicar un comentario